Betanzos, 30 de setembro de 2026.- A deputada provincial de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal, participou na entrega dun vehículo á Fundación Hospitalarias Betanzos para apoiar a actividade do centro con sede en Betanzos. No acto de entrega que tivo lugar esta mañá participou a directora xerente de Fundación Hospitalarias Betanzos, Imma Segarra, e dúas persoas usuarias do centro, Charo Pillado e José Mª Costoya, quen agradeceron á Deputación da Coruña o seu apoio.
O vehículo vincúlase ao proxecto de Centro Ocupacional Integrado na Comunidade (COIC), que promove actividades en espazos compartidos coa veciñanza, como instalacións deportivas, bibliotecas e establecementos da contorna. O programa está dirixido a 18 persoas con discapacidade intelectual procedentes de Betanzos, Abegondo, Oza-Cesuras e Cambre.
O COIC, posto en marcha pola Fundación Hospitalarias Betanzos en 2024, é unha iniciativa pioneira en Galicia que traslada a actividade ocupacional ao corazón da comunidade. Situado na praza García Hermanos de Betanzos, o centro permite que as persoas con discapacidade intelectual desenvolvan as súas capacidades en contornos reais, mediante actividades normalizadas e compartidas co resto da veciñanza. O proxecto busca tamén favorecer a súa visibilidade e participación na vida comunitaria, contribuíndo a normalizar a súa presenza social.
«A inclusión tamén consiste en poder saír, participar e compartir os mesmos espazos que o resto da veciñanza. Con este vehículo apoiamos o traballo que realiza a Fundación Hospitalarias Betanzos para que as persoas usuarias desenvolvan as súas capacidades e gañen autonomía no seu día a día», sinalou García Vidal.
A deputada agradeceu o labor das profesionais e da Fundación Hospitalarias e subliñou a importancia de colaborar coas entidades sociais que impulsan proxectos ligados á vida cotiá das persoas. O programa combina actividades ocupacionais e prelaborais con deporte, cultura e lecer na comunidade.

