A vicepresidenta da Deputación da Coruña, María Dolores Faraldo, presentou esta tarde as dúas funcións que realizará a compañía de Branca Marsillach en conxunto con Varela Producións da obra “Silencio… Vivimos”, un espectáculo dirixido a persoas con minusvalía física ou mental. A primeira actuación tivo lugar hoxe tras a rolda de prensa no centro Pai Menni e a seguinte realizarase mañá no centro cívico do Concello de Sada.
Durante a presentación da obra, a representante do organismo provincial estivo acompañada da directora da obra, Blanca Marsillach, e dos actores que dan vida ao texto. Ademais, tamén estiveron presentes a xerente do centro, Inmaculada Segarra, e algúns dos usuarios do Pai Menni que participaron activamente no trascurso da obra.
“Silencio… Vivimos” é unha obra interactiva dirixida a persoas con algún tipo de discapacidade intelectual, física ou sensorial, un proxecto que, ademais, trata de difundir os beneficios do teatro para os nenos. A directora da obra toma o nome da produción homónima protagonizada a finais dos sesenta por Adolfo Marsillach, o seu pai.
Blanca Marsillach, na súa intervención, destacou en Betanzos o papel do arte dramático como ferramenta á hora de construír ou reconstruír a autoestima dunha persoa. Porque, tal e como din os directores da obra na súa presentación, “vivir non é fácil, todos pretendemos ser o que non somos, actuamos como personaxes nunha obra, a vida, chea de momentos difíciles dacabalo entre o aquí e o mutis definitivo”.
Pola súa banda, Inmaculada Segarra asegurou que para o seu centro “iniciativas como estas permiten aos nosos usuarios emocionarse como espectadores e participar cos artistas”. Ademais, agradeceu á Deputación provincial o seu “apoio a estas iniciativas”. A directora Blanca Marsillach dixo estar “encantada” de representar “Silencio… vivimos” ante os usuarios do centro Pai Menni. “Ojalá sea tan especial para vosotros como lo es para mí”, explicou ante os presentes.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, María Dolores Faraldo, falou dos rapaces do centro como dun “exemplo para todos” pola súa maneira de afrontar as dificultades que teñen na vida. Ademais, recalcou a boa labor dos traballadores do centro e da iniciativa posta en marcha por Blanca Marsillach e a súa compañía.